|
Os traballos terminográficos galegos
vistos polos seus potenciais usuarios
Xusto A. Rodríguez Río
Servicio de Normalización Lingüística
Univ. de Santiago de Compostela
/ Grupo de Investigación en Neoloxía e Terminoloxía
Univ. de Vigo
Espanha
1. Xustificación do proxecto
1.1. O proxecto Desde mediados dos anos 80, a producción de recursos terminográficos en Galicia acadou un volume e unha continuidade como non tivera en ningún momento anterior da súa historia. Así, nestes últimos 15 ou 20 anos foise constituíndo un corpus de perto de 100 repertorios e aumentaron tamén as entidades e os especialistas implicados, de tal modo que na actualidade cremos preciso mirar máis alá da simple valoración cuantitativa e enfocar o proceso desde outros puntos de vista. [1]
Un dos máis rendibles pode ser o que parta do extremo final da cadea de utilización deses recursos (o dos usuarios), xa que as necesidades destes deben ser o punto de partida de calquera proceso de reorganización da infraestructura terminolóxica dunha comunidade lingüística, ou dos productos a través dos cales se difunde a información sobre os termos. [2]
Por eso consideramos interesante consagrar, dentro da nosa tese de doutoramento, un apartado á opinión dos usuarios do galego técnico arredor de toda a problemática vinculada coa terminoloxía galega (coñecementos propios sobre o tema, áreas prioritarias de traballo, calidade e difusión dos repertorios, procedementos de escolla e creación de termos, implantación das propostas dos repertorios, graos de implicación de distintas entidades, necesidades, propostas de mellora...). Todos eses interrogantes foron recollidos nun cuestionario, do que se seleccionaron para este artigo as preguntas máis directamente relacionadas cos recursos terminográficos.
1.2. A enquisa e o cuestionario Antes de pasar á descrición dos resultados recollidos é preciso facer algunhas matizacións sobre os colectivos a que se dirixiu, a maneira en que se realizou, o grao de fiabilidade, etc.
Despois de analizar os principais ámbitos de uso do galego especializado deseñáronse seis colectivos de destinatarios, caracterizados todos eles por facer un uso habitual do galego en contextos especializados: [3]
docentes e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (UNI)
docentes de ensino secundario (BUP)
traductores (TRD)
traballadores de servicios lingüísticos de institucións ou empresas (SSL)
estudiantes da Licenciatura en Traducción e Interpretación da Universidade de Vigo (VIGO)
autores de repertorios terminográficos en galego (AUT)
En todos os casos intentamos chegar ata os usuarios, non de xeito individual, senón a través de organizacións representativas do seu contorno, como a Asociación Galega de Traductores, a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística (para os docentes de ensino secundario) ou a Coordinadora de Traballadores pola Normalización Lingüística (para os profesionais de servicios lingüísticos).
Unha vez determinado o conxunto de destinatarios do cuestionario (uns 700) fíxose un envío por correo en marzo de 1998, que se repetiu dous meses despois con aqueles que non responderan ó primeiro requirimento. En conxunto, recolléronse un total de 176 respostas (25% dos cuestionarios).
Tendo en conta a porcentaxe de contestacións (baixa en termos absolutos aínda que relativamente alta tendo en conta os valores habituais en enquisas postais), o distinto grao de colaboración amosado polos distintos colectivos (máis alto por exemplo entre os membros de TRD e SSL) e a dificultade de determinar con exactitude o número de destinatarios potenciais da enquisa, non pretendemos outorgarlles fiabilidade absoluta ás conclusións que imos presentar a continuación. Sen embargo, cremos que, máis alá do cuantitativo, pódeselle conceder un grao aceptable de credibilidade ó panorama que deles se deduce, tanto pola coherencia interna das conclusións, como pola coincidencia co apuntado noutros estudios (especialmente Interval) ou cos resultados de valoracións obxectivas realizadas sobre a calidade e os contidos dos repertorios terminográficos e sobre as liñas de difusión deles.
Tendo en conta estas consideracións previas, nos dous apartados seguintes presentaremos as conclusións máis relevantes relacionadas coas opinións -críticas- que ós usuarios lles merecen os productos terminolóxicos galegos, e as propostas que formulan para mellorar os puntos febles que neles se detectan.
2. Opinións sobre os repertorios existentes
2.1. Opinións xerais Unha primeira valoración xeral, que non entra a analizar as causas que a motivan, pode recollerse nas preguntas 21 e 22.


Como se pode ver na segunda delas a opinión maioritaria é máis ben crítica, pois mentres que nos niveis máis altos da escala (alta e media-alta) só se sitúa un 10% dos entrevistados, perto do 40% opta polos inferiores (baixa e media-baixa).
A gráfica que recolle a media das valoracións permítenos comprobar que esa opinión é, en xeral, compartida polos distintos colectivos (a diferencia entre eles non chega ás dúas décimas), se exceptuamos a de VIGO, que cae ata o 1,89. [4]
Na pregunta 21 pártese da presentación dunha serie de supostos problemas relacionados cos diccionarios e vocabularios especializados, e pregúntaselles ós entrevistados se cren que ese problema formulado existe realmente e, en caso positivo, qué grao de importancia lle outorgan. [5]
Das respostas dedúcese que os problemas que se consideran máis relevantes son os que se relacionan coa cantidade e a fiabilidade da información que conteñen os recursos, ou coas súas vías de difusión, quedando moi atrás os metodolóxicos. Así, mentres o feito de que non sigan os criterios internacionais é moi pouco valorado (máis do 20% se amosa en desacordo coa súa existencia e non chegan ó 30% os que o consideran bastante ou moi importante) [6], na opinión sobre as outras cuestións cae drasticamente a porcentaxe de disconformes e sobe a valores de entre o 50 e o 70% a suma dos bastante e os moito.
A conversión dos datos porcentuais en medias permítenos percibir con máis claridade esa diferencia, (mentres a valoración total dos catro problemas considerados máis relevantes oscila entre o 3,59 e o 3,99, a falta de respecto polas metodoloxías internacionais non supera o 2,93).
Agora ben, cada un dos colectivos de entrevistados deixou nas respostas a esta pregunta pegadas da súa particular visión da problemática e dos seus intereses específicos, o que acaba provocando a formación de dous grandes bloques: os “intermediarios lingüísticos” (TRD, SSL, AUT e VIGO) e os “especialistas” (UNI e BUP). En xeral, os primeiros tenden a concederlle máis relevancia a todos os problemas enunciados; pero ademais, cada un destes bloques tende a subliñar uns problemas específicos, os máis relacionados cos respectivos labores profesionais [7]. Por exemplo, mentres que o feito de que sexan moi xerais é o máis relevantes para os “especialistas”, os restantes colectivos sitúan nun lugar relevante que se contradigan entre si, problema que só poden detectar aqueles que manexen e confronten diversos materiais, o que, dados os requirimentos dos seus traballos, é moito máis frecuente entre TRD e SSL.
2.2. Opinións obre a difusión Outro bloque de preguntas dirixíase a sondar a opinión dos entrevistados sobre as vías que en Galicia se están usando para difundir a existencia de repertorios terminográficos e os repertorios en si mesmos. As tres máis relevantes son:
 
Delas dedúcese unha valoración negativa, xustificada por datos tan salientables como o da pregunta 26, segundo o cal case a metade dos entrevistados (46,7%) din ter noticias da existencia dos repertorios terminográficos por vías que poderiamos cualificar como “non planificadas”: os comentarios doutras persoas (31,8%), o encontro casual nunha librería (8,8%) e doutra maneira (6,1%).
Parece que as vías “convencionais” de información (as campañas de difusión, a consulta en catálogos ou a consulta a centros de documentación) non cumpren o seu papel nin tan sequera con aqueles entrevistados que dependen organicamente da Administración, a pesar de ser esta a editora ou a financiadora da maior parte dos recursos: a metade de SSL e o 49% de BUP reciben a información de fontes “alternativas”. Sendo así, non pode estrañar que os colectivos menos vinculados coa Administración describan un panorama aínda máis negativo: un 60% de TRD e un 90% de VIGO reciben a información por canles “non planificadas”. [8]
Se ás carencias na difusión que estamos comentando lle unimos un volume de producción pequeno en termos absolutos, atoparémonos cun panorama no cal o coñecemento de repertorios terminográficos galegos é escaso (vid. pregunta 19): un 73,6% dos entrevistados di saber de menos de 10, e só un 4,7% eleva esa cantidade por riba dos 30. [9]
De novo, podemos percibir importantes diferencias entre as respostas dos colectivos de “especialistas”, que coñecen un número de obras moi limitado (todos os membros de BUP e o 92,3% de UNI coñecen menos de 10), e os tres colectivos de “intermediarios lingüísticos”, que presentan un grao de información maior (o 60% de TRD, o 73,7% de SNL, e o 33,3% de UVIGO coñecen máis de 10). Esta diferencia é perfectamente lóxica se temos en conta os usos profesionais de cada un deses grupos de entrevistados, pois mentres os “especialistas” traballan sobre unha única área (e polo tanto é normal que non coñezan moitos repertorios) os “intermediarios” fano nos campos máis diversos, o que os obriga a coñecer os léxicos especializados de cada un deles.
Sen embargo, o xeito de acceder ó material que se coñece é moito máis convencional (vid. pregunta 27): no 70% dos casos, o entrevistado ou a entidade na que traballa mercan o libro nunha librería.
De entre todas as outras alternativas só chega a acadar unha certa relevancia o envío gratuíto que algunhas entidades editoras realizan a determinados centros de traballo (así accede ó material o 16,1 % dos entrevistados). [10]
2.3. Opinións sobre a fiabilidade Interésanos tamén recoller información referente á confianza que os repertorios galegos lles ofrecen ós seus usuarios. Farémolo analizando as respostas ás preguntas 29 e 30:


A pregunta 29 intenta determinar qué características dun repertorio terminográfico distintas da propia metodoloxía de traballo son máis determinantes á hora de outorgarlle autoritas ás propostas denominativas que nel se recollen.
A nivel total destacan pola súa influencia o carácter normativo dos repertorios (convence ó 57,5% dos entrevistados) [11] e o feito de que os autores merezan confianza (55,6%). A que posúen as entidades editoras por si soas, ou os compañeiros é aínda menor (43,1% e 28,8 % respectivamente). No nivel máis baixo de valoración sitúanse os valores extremos do abano de respostas (a que lle outorga autoritas á publicación en si mesma e a que considera a opinión propia superior a calquera outra consideración) que non superan o 5,9 % no primeiro caso e o 10,4 % no segundo.
A non-existencia dun criterio que acade unhas porcentaxes máis elevadas de confianza impón que o repertorio que pretenda acadar un grao de aceptación relevante entre os usuarios deba cumprir varios dos anteriores requisitos. [12]
A análise por colectivos non recolle grandes diferencias entre as opinións duns e doutros, senón unha intensificación leve do peso de determinados criterios dentro da mesma liña xeral. Así, os “intermediarios lgtcos.” son os que amosarían un maior respecto polas escollas dos repertorios normativos, mentres que os “especialistas” destacan a autoritas doutros factores como os autores de confianza, a opinión dos compañeiros ou entidades de confianza.
A pregunta 30 intenta concretar en entidades determinadas as mencións xerais feitas sobre a autoritas de determinadas organizacións. [13]
A gráfica de medias recolle as valoracións totais e as de cada un dos colectivos e, segundo elas, pódese facer unha subdivisión en tres bloques:
1. As consideradas máis fiables (con valoracións totais arredor do 4), onde poderiamos incluír o ILG, a RAG e as universidades.
2. As relativamente fiables (superan por pouco o nivel 3): as entidades científicas e o CIRP.
3. As menos fiables (non acadan o nivel 3, intermedio da escala); encádrase aquí a DXPL, as entidades privadas e a EGAP.
Estes datos confirman e concretan as respostas da pregunta anterior, xa que destaca outra vez a confianza que outorga o poder normativo da entidade. Ademais, outórganlles ás universidades un papel relevante en canto organizacións moi fiables para os usuarios.
As entidades dependentes organicamente da Administración autonómica (DXPL, CIRP e EGAP) acadan un nivel de confianza máis baixo, aínda que as dúas últimas posúen particularidades que en certa medida explican ese feito. [14]
2.4. Opinións sobre a implantación dos termos recollidos Pareceunos tamén significativo recoller información sobre a opinión dos entrevistados con respecto ás posibilidades de introducción no uso real que lles outorgan ás propostas dos repertorios. As preguntas 36 e 37 tiñan ese obxectivo:


O dato máis relevante que se deduce delas é o alto grao de optimismo existente entre os usuarios: case o 70 % dos entrevistados responde afirmativamente á pregunta 36, e nalgún colectivo concreto (SSL) a porcentaxe de si sobe ata o 85 %. Esto resulta sorprendente se temos en conta que nunha pregunta anterior (35. En xeral, as palabras técnicas que se están propoñendo para o galego son...) só o 1,5% dos entrevistados as cualificaba como moi apropiadas, e só o 56,9 % lles outorgaba o grao de bastante apropiadas. Non parece que para eles exista, polo tanto, unha relación directa entre a calidade das propostas terminográficas e as súas expectativas de implantación real.
Esta visión confírmase na pregunta 37, onde os que contestaron non á 36 (30,8 % do total) ofrecen as súas razóns, podendo escoller entre ítems que se centraban na calidade das propostas galegas (tamaño, adecuación ó concepto, precisión ou eufonía) e outros que apuntaban máis ben a cuestións de tipo social ou organizativo (imposicións doutras linguas, descoñecemento, desinterese...).
Esta segunda liña de xustificacións foi claramente maioritaria: mentres só o 24 % citou calquera das catro primeiras razóns, algunhas das outras acadaron porcentaxes de mencións moito máis elevadas, (un 83% pensa que os termos galegos non se empregan porque os usuarios non os coñecen, un 80%, porque outras linguas impoñen os seus nomes, e un 34%, porque os usuarios non teñen interese).
3. Propostas de mellora
O proxecto de traballo tiña unha vontade que ía máis alá do puramente descritivo, e intentaba tamén explorar posibles vías de solución a algunhas das carencias que os usuarios detectaban. Por ese motivo, pareceunos moi interesante pedirlles a súa opinión sobre o xeito de enfrontar os problemas máis salientables, tendo en conta que son eles os auténticos destinatarios dos repertorios e os que van ter que intentar asentar no uso as propostas terminolóxicas alí recollidas.
Neste apartado ofreceremos, pois, as distintas opinións dos colectivos de entrevistados sobre algunhas vías para mellorar a difusión ou a calidade dos repertorios, a implantación dos termos que neles se recollen ou, en xeral, o traballo co léxico especializado.
3.1. Sobre a difusión Na pregunta 28 ofrecíase a posibilidade de escoller, de entre unha batería de posibilidades, as que máis podían contribuír a mellorar a difusión dos repertorios, e tamén de achegar propostas propias.

En consonancia coas carencias que sobre esta cuestión se destacaban en 2.2, o sentimento unánime entre os entrevistados é a insatisfacción: só unha persoa opina que non se precisan medidas, pois considera a situación actual como adecuada.
As iniciativas que se consideran máis positivas son as que se centran na difusión da información antes ca na difusión dos repertorios en si mesmos. Así, podemos ver como a elaboración de campañas informativas dirixidas ós potenciais usuarios é considerada a máis importante polo 62,1 % dos consultados, e como a creación dun servicio de información individualizada acada o máximo grao de relevancia para o 15,9 %, e o segundo lugar para 32,4 %).
Pola contra, unha iniciativa a priori tan apetecible (e na práctica tan utilizada polas entidades editoras de carácter público) como a de regalar os repertorios recibiu un grao de relevancia mínimo (o 62 % deles nin a menciona, e só o 6,9 % a ve como a máis importante) [15]. Si recibiu unha valoración mellor outra estratexia relacionada coa difusión de recursos, como é a potenciación da edición en novos soportes, considerada como a máis importante polo 12,4 % e como a segunda polo 29,7 %).
3.2. Da relevancia dos contidos A enquisa ofrécenos tamén (preguntas 23 e 24) información sobre os contidos que os entrevistados consideran útil e/ou imprescindible que formen parte dos recursos.



Segundo as respostas recollidas, os máis relevantes son as definicións, os equivalentes noutras linguas e os sinónimos [16] (considerados útiles por arredor do 90 % dos entrevistados, e imprescindibles polo 87, o 76,9 e o 67 % deles, respectivamente). Nun segundo nivel de interese os usuarios sitúan a mención da área temática, o nivel de lingua, a relación entre conceptos e as ilustracións, útiles para arredor da metade dos usuarios, e imprescindibles para grupos que van do 25 ó 40 % do total segundo os casos. Finalmente, os contidos menos relevantes son, segundo o que estamos vendo, a inclusión de exemplos e as indicacións sobre o valor normativo dos recursos, útiles só para o 30 % das persoas preguntadas.
As respostas amosan novamente a confluencia de intereses dos “intermediarios lingüísticos” por un lado e dos “especialistas” polo outro. Así, os primeiros destacan comparativamente a importancia de incluír contidos como as definicións, as ilustracións ou as áreas temáticas, requiridos polo seu coñecemento limitado das particularidades do dominio sobre o que se traballa; ou como o valor normativo dos termos ou o nivel de lingua, polo seu maior grao de consciencia lingüística e a súa vinculación estreita coa formación filolóxica. [17]
3.3. Da implantación das propostas denominativas A opinión dos entrevistados sobre as medidas que poden contribuír a potenciar o uso dos termos que se recollen nos repertorios en situacións comunicativas reais, recolleuse na pregunta 38.

Do alí dito, destacan sobre todo dúas cuestións:
A escasa importancia que todos os colectivos lles conceden a hipotéticas medidas lexislativas que intentaran forzar o uso dos termos galegos. Políticas deste tipo seguíronse en países francófonos con éxito máis ben escaso. Con todo, a desconfianza que aquí se detecta con respecto a este tipo de medidas ten máis que ver, na nosa opinión, coa evidencia de que en Galicia o cumprimento da lexislación lingüística existente deixa moito que desexar.
A alta importancia que se concede a case todas as outras iniciativas (o que parece indicar que os entrevistados apostan por combinar actuacións en varias frontes). As máis destacadas son as que falan de potenciar o uso do galego na ciencia e na empresa (4,59 de media), ou de potenciar o papel difusor dos medios de comunicación (4,57 de media). Tamén se valora por riba de 4 a utilidade de aumentar a producción de repertorios galegos (4,03) e a de mellorar a formación en terminoloxía dos usuarios e productores de termos (4,10).
Vemos así que as dúas respostas máis apoiadas non inciden tanto en aspectos técnicos do traballo terminográfico (que tamén son moi valorados) como no aumento do uso, tanto da terminoloxía xa existente como do galego en contextos especializados. Xa que logo, vincúlase estreitamente o desenvolvemento terminolóxico e a normalización, pero desde unha vertente distinta á que estamos afeitos a ver: se é ben sabido que a dotación de termos nunha área é un labor que vai facilitar o uso da lingua propia nese contexto, os entrevistados opinan que a normalización dunha área vai tirar tamén pola súa dotación terminolóxica [18].
Outras medidas tamén enfocadas á difusión de terminoloxía, pero non a través do poder multiplicador do uso –como a do centro normativo– son menos valoradas (aínda que cunha alta diferencia segundo os colectivos), posiblemente porque se pensa que o seu alcance vai ser menor.
3.4. Da infraestructura de planificación terminolóxica Por último, escollemos dúas preguntas da parte do cuestionario na que os entrevistados indican cáles son as medidas que eles xulgan prioritarias para contribuír á resolución dos problemas que se lle presentan á hora de empregar o galego en contextos especializados.
A primeira (Preg. 45) delas concentraba as posibles medidas en tres bloques (materiais, formación e servicios) e obrigaba a priorizar a relevancia de cada un deles; a segunda (Preg. 46) especificaba unha serie de medidas relacionadas cos materiais, a maioría delas directamente relacionadas cos productos terminográficos.


Da primeira despréndese que a dotación de materiais sería para os entrevistados o mellor remedio fronte ós seus problemas relacionados co galego especializado (o 41,5 % escólleo como o máis eficaz); pero ás melloras na formación dáselles unha relevancia case similar (sinaladas en primeiro lugar polo 38,5 %). A posibilidade de recibir máis servicios vese como moito menos útil (só é a mellor para o 17,4 %).
Tendo en conta esto, resulta lóxico que na pregunta 46 as valoracións obtidas polas distintas ofertas de material sexan altas (a media total dos ítems sitúase –na escala de 1 a 5 que vimos manexando en todo o traballo– por riba do 3,7), coa única excepción de dispor de ferramentas informáticas, que non vai máis alá do 3,37).
A posibilidade máis valorada é o aumento da dispoñibilidade de recursos (a mención ós diccionarios ou vocabularios máis especializados acada o 4,39, e a referencia ós bancos de datos con termos galegos, o 4.08), o que casa ben con cuestións vistas anteriormente, como o escaso número deles que os entrevistados coñecían (pregunta 19) ou o talante crítico con que xulgaban o feito de que incluísen pouca información (pregunta 21). Sen embargo, o feito de que se valoren máis os traballos realizados en papel ca en soporte electrónico revela un importante descoñecemento das potencialidades que a informática e as telecomunicacións abren para esta disciplina (algo que tamén se pode ver tamén noutras partes da enquisa, e que indirectamente apunta ás carencias de formación e de información existentes entre os usuarios de terminoloxía galega).
Os restantes materiais despertan un interese menor, aínda que significativo; especialmente os que presentan unha compoñente máis teórica (manual de galego técnico –3,97–, pautas metodolóxicas –3,75–).
Os corpus de textos e as ferramentas informáticas teñen en común o feito de seren materiais que facilitan o traballo terminográfico, pero que non son en si mesmos recursos. Por eso probablemente, son os que reciben unha valoración máis baixa (3,7 o primeiro, e 3,37 o segundo), tendo en conta que en toda a enquisa se pode percibir unha liña xeral de comportamento segundo a cal os entrevistados son moito máis proclives á consulta ou á solicitude de axuda ca á elaboración propia de termos.
Agora ben, parece claro que a especificidade da vinculación que co mundo da terminoloxía teñen algúns colectivos (neste caso concreto, AUT) vai acabar reflectíndose na valoración da utilidade dos materiais. Por eso, non pode estrañarnos que, para estes, os materiais de tipo teórico sexan os máis útiles, algo totalmente lóxico tendo en conta que noutros puntos da enquisa puxeron de relevo as súas propias carencias formativas, e a ausencia de criterios estables de traballo no desenvolvemento do labor terminográfico. Pola mesma razón, materiais de apoio como os corpus de textos informatizados ou as ferramentas informáticas van acadar unha valoración moi por riba da media. Pola contra, os repertorios, que eran o máis interesante para a maioría, teñen para eles unha utilidade comparativamente menor.
4. Conclusión
Como acabamos de ver nas páxinas precedentes, as respostas dos usuarios galegos de terminoloxía poñen enriba da mesa as fortalezas e as debilidades do proceso de elaboración e da difusión dos recursos terminolóxicos en Galicia. Por un lado, destácase o interese que o tema desperta en xeral, e a alta consciencia da súa relevancia para a regaleguización completa da sociedade; polo outro, vese como as carencias na difusión dos repertorios e na formación dos usuarios e productores de terminoloxía acaban afectando a calidade e a incidencia social dos productos que elaboran).
Pero ademais, tamén se diagnostican necesidades que coinciden coas detectadas en países e sociedades do noso contorno. Así, coincídese en destacar a necesidade de que os recursos inclúan informacións consideradas esenciais -e que en Galicia son pouco frecuentes-, e de explorar novas vías de difusión que aproveiten as posibilidades que abren as novas tecnoloxías.
Bibliografía
CABRÉ, M. T. (1998). «Elementos para una teoría de la terminología: hacia un paradigma alternativo». In: El Lenguaraz, 1, 1.
CABRÉ, M. T. & J. FREIXA (1998). «Reflexiones acerca de la noción de equivalencia conceptual en terminología». IV Simposio Iberoamericano de Terminología, Universidad de La Habana.
FREIXA, J. (1998). «Reflexions a l'entorn de les causes de la variació denominativa en terminologia». In: Actes del IV Congrés Internacional sobre Traducció. Universitat Autònoma de Barcelona (en prensa).
GOUADEC, D. (1993). «La terminologie au quotidien». In : En bons termes, Association “Terminologie et langages spécialisés”/Délegation Générale de la Langue Française, 1º semestre de 1993: 3-35.
RODRÍGUEZ RÍO, X. A. (1996). «Os traballos terminolóxicos en lingua galega: unha aproximación á súa situación e ás súas necesidades». In: Cadernos de lingua, 13: 35-74.
VV. AA. (1996). Pointer Project. Final Report
(http://www.computing.surrey.ac.uk/ai/pointer/)
VV. AA. (1998). Interval Project. Final Report
(http://www.computing.surrey.ac.uk/ai/new_interval/)
[1] Para unha análise do volume e características da producción galega ata finais de 1995, vid. Rodríguez Río (1996).
 [2] Así, desde principios da década dos 90 os estudios terminolóxicos estanse centrando cada vez máis nas situacións reais de uso (pénsese no novo enfoque que supón a socioterminoloxía ou nas novas análises realizadas arredor da cuestión da sinonimia), ou estanas tomando como punto de partida para propostas de planificación a grande escala (vid. por exemplo, os proxectos europeos Pointer e Interval).
 [3] Intentamos tamén extraer resultados do grupo -reducido- do mundo empresarial que usa o galego como lingua de traballo en contextos formais ou especializados, pero a baixísima porcentaxe de respostas recibidas fixo imposible tirar datos representativos.
 [4] As respostas procedentes deste colectivo deben tomarse con bastante precaución pois o número de cuestionarios sobre o que se baseou a análise foi moi pequeno. Con todo, a fiabilidade desas respostas vese aumentada polo seu elevado grao de coherencia en toda a enquisa, manifestado nunha visión dos productos terminográficos moito máis crítica cá dos outros colectivos, probablemente fundamentada no seu maior nivel de formación nestes temas.
Cómpre ter en conta que as materias Terminoloxía e Documentación, e Neoloxía da Lingua Galega, presentes no plan de estudios das licenciaturas en Traducción e Interpretación e en Filoloxía Galega da Universidade de Vigo son -máis alá de intentos tímidos e puntuais levados a cabo por outras entidades- os únicos programas formativos ós que se pode acceder en Galicia relacionados especificamente con estas cuestións.
 [5] Unha porcentaxe importante de persoas (entre un 35 e un 40%) non contestaron esta pregunta, tal vez por resultar a súa formulación demasiado complexa, ou por esixir un nivel de coñecemento do panorama terminográfico galego que moitos non posuían.
 [6] As respostas a este ítem dan a medida das carencias que en materia de formación en terminoloxía existen no medio galego, non só pola alta porcentaxe de persoas que non contestaron (51,7%) ou de desacordos (23%) senón tamén porque a medida que os perfís formativos e profesionais dos entrevistados se van achegando á esfera lingüística aumenta considerablemente a importancia que se lle outorga a ese “problema”, como se pode ver na gráfica correspondente.
 [7] Igual que ocorría na pregunta 22, volve ser o colectivo mellor formado en terminoloxía (VIGO) o que amosa unha opinión máis crítica con respecto á problemática que rodea ós diccionarios e repertorios galegos.
 [8] Só UNI presenta unha situación parcialmente distinta: o 66% deles menciona as vías que vimos denominando “convencionais” (difusión das editoriais, 32 %; catálogos, 26 %; centros de documentación, 8%). Esta diferencia pode deberse, na nosa opinión, á calidade do sistema de información bibliográfica da Universidade de Santiago de Compostela, ou ó papel difusor de entidades integradas nesa institución, como o Servicio de Normalización Lingüística ou o Instituto da Lingua Galega.
 [9] Estas cifras non serían especialmente graves se non visemos como, na pregunta 20 do cuestionario (Cite os que máis emprega, engadindo o título, o tipo de obra...), moitos dos que dicían coñecer menos de 10 repertorios non sinalan ningún, ben porque deixan a pregunta sen contestar, ben porque citan unicamente diccionarios de lingua xeral, monolingües ou multilingües.
 [10] Esta vía é especialmente relevante para SSL (35%), pois é un hábito moi asentado que os servicios lingüísticos das institucións públicas intercambien entre si un exemplar de todo o material que publican.
 [11] Chama a atención que unha marca de autoridade tan evidente e, en teoría, de tanto peso coma esta non logre un grao de adhesión maior. Desde o noso punto de vista, e sen desbotar outros motivos, é un indicio da falta de consenso total arredor dunha normativa ortográfica e morfolóxica, e derivada de aquí, da orientación do estándar léxico.
 [12] Así, un repertorio que tivese o aval normativo e que estivese elaborado por autores de confianza sería aceptado polo 79,3 % dos entrevistados.
 [13] A listaxe de entidades que se ofrecía incluía, ademais de mencións xenéricas a tipoloxías de entidades (como universidades, entidades científicas ou profesionais -colexios, academias...-, e entidades privadas), outras concretas, especialmente relevantes pola súa contribución ó desenvolvemento do estándar léxico galego ou á producción de repertorios nesa lingua. Mencionábanse, xa que logo:
A Real Academia Galega (RAG), posuídora do poder normativo en cuestións ortográficas, morfolóxicas e léxicas.
O Instituto da Lingua Galega (ILG), instituto de investigación dependente da Universidade de Santiago de Compostela que xogou un papel fundamental, desde a vertente científica, na elaboración da norma lingüística galega.
O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP), instituto de investigación dependente da Xunta de Galicia e dentro do cal se estaba creando, no momento de realización da enquisa, o Servicio de Terminoloxía Cientifico-Técnica Galega (Termigal).
A Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia (DXPL), organismo político dependente do poder autonómico que foi, ata mediados dos anos 90, o principal editor de recursos terminográficos en Galicia, pasando a partir desa data a desenvolver basicamente un papel financiador.
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP), organismo de formación do persoal dependente da Xunta de Galicia, que desenvolveu na primeira metade da década dos 90 un importante labor de formación e de elaboración arredor do tecnolecto xurídico-administrativo.

[14] Como dixemos máis arriba, o CIRP -en concreto unha das súas áreas- estaba comezando os seus traballos sobre a terminoloxía entre finais de 1997 e comezos de 1998. Pola súa banda, a EGAP céntrase nunha segmento moi específico da realidade (o mundo xurídico-administrativo), o que provoca que a súa relevancia sexa mínima para os usuarios que traballan en esferas afastadas, pero comparativamente alta para os que máis se relacionan con ela (como por exemplo SSL).
 [15] Algúns colectivos (sobre todo BUP e VIGO) valoran esta medida levemente por riba da media, probablemente por ser os que, ben a título individual ou dentro da organización en que traballan, terían máis problemas económicos para poder adquirir os repertorios por vías convencionais. Pero en xeral, algo que deixan claro as respostas, e que se apunta tamén noutros lugares, é que a escasa difusión dos repertorios non ten nada que ver co custo económico destes, senón coa inexistencia de canles fluídas e asentadas de comunicación que cheguen ata os potenciais usuarios.
 [16] Non imos entrar aquí no debate sobre a existencia ou non de relacións de sinonimia entre as denominacións dunha área de especialidade. Para profundizar nel, vid. Cabré (1998) e Freixa (1998).
 [17] Estas conclusións coinciden en liñas xerais coas doutras investigacións desenvolvidas sobre ámbitos territoriais máis amplos (como o proxecto Interval), ou en países veciños (Gouadec, 1993).
 [18] Probablemente habería moitos argumentos para contradicir esta crenza. Aínda tendo claro o papel clave que ten o uso real dun idioma nunha área concreta para a elaboración e a difusión da terminoloxía especializada desa área, non é menos certo que moitos textos especializados escritos en galego ou noutras linguas recorren case sistematicamente a terminoloxía allea no seu labor denominativo.
 |