|
O papel do especialista na formalización do galego xurídico
Iolanda Galanes Santos
Antón Gómez Méixome
Alberte González Montañés
Instituto Galego de Estudios Comunitarios -
Área de Lingüística
Espanha
Introducción: (xustificación e resumo)
O noso traballo baséase nun proxecto de investigación (COM-FORMA) encargado polo Consello de Avogacía de Galicia e realizado coa colaboración da área de lingüística do IGESCO, que ten como obxectivo a formalización e a compilación do galego de uso xurídico. Dentro deste, merece unha especial atención a fixación da terminoloxía xurídica galega, dadas as circunstancias históricas do galego como lingua minorizada. Aproveitamos esta ocasión para presentar o proxecto de investigación e o equipo de traballo multidisciplinar no que existe unha ampla representación de especialistas do dereito, dos que analizamos a súa participación.
1. Situación do galego como lingua do dereito
1.1. Introducción O desenvolvemento das variedades profesionais da lingua galega está, coma no resto das linguas, fortemente marcado polo seu status sociolingüístico, neste caso, pola súa condición de lingua minorizada. En concreto a variedade xurídica galega coñeceu moi diferentes estadios de cultivo e non sempre nunha proxección progresiva. A unha etapa medieval de uso normal e oficial do galego no eido administrativo e xurídico [1], vaille seguir un longo período de silencio na escrita que vai dende 1535 [2] ata os comezos do século XX.
O cultivo do galego xurídico coincide coa súa recuperación como lingua de cultura e este proceso culmina coa oficialización do galego na Constitución de 1978. Comezou nese momento a tarefa de (re)elaborar un modelo de lingua do dereito galega que respondese ás necesidades expresivas de todos os operadores xurídicos nas súas diferentes manifestacións.
1.2. Proceso de (re)elaboración da lingua do dereito galega O castelán foi a única lingua oficial da Administración radicada en Galicia, así como a lingua da lexislación de todo o Estado durante varios séculos, o que truncou o normal desenvolvemento do galego xurídico. Así pois, o contexto da recuperación do galego xurídico está marcado: 1/Dende o punto de vista lingüístico por herdarmos unha variedade xurídica medieval de reducido aproveitamento na actualidade dado que a lingua evolucionou dende o medievo de xeito notable, así como a Administración e a organización da sociedade, polo que necesariamente falamos de (re)elaboración (é dicir, a medio camiño entre a reelaboración e a elaboración ex novo). 2/Dende o punto de vista sociolingüístico por unha situación de contacto de linguas en situación de diglosia, funcionando o castelán como lingua teito. 3/Dende o punto de vista xurídico pola dependencia en gran medida do ordenamento xurídico español, redactado e concibido en castelán.
De entre os modos de xestión lingüística no eido lexislativo e xurídico escolleuse a traducción xurídica (fronte a outras fórmulas como a corredacción nas dúas linguas, a redacción paralela, etc. que resultan máis equitativas para ambas as linguas) [3], de modo que a elaboración da versión nas dúas linguas dos textos xurídicos ficou en mans dos gabinetes de traducción das diferentes institucións (Parlamento, Diario Oficial de Galicia, audiencias provinciais...). Estes gabinetes están constituídos exclusivamente por técnicos lingüistas de formación filolóxica que acometeron un intenso labor de traducción entrambas as linguas, actuando asemade como auténticos axentes “normalizadores do galego”, en moitos casos como docentes nos programas de formación en lingua xurídica e administrativa galega dirixidos ó funcionariado e tamén como terminólogos ad hoc no desenvolvemento diario das súas tarefas de traducción.
Este meritorio proceso de elaboración da terminoloxía xurídica e administrativa galega contou como únicos soportes científicos cunha Sección de Linguaxe Administrativa do Instituto da Lingua Galega (que funcionou dende decembro de 1984 ata o ano 1991) e dende 1995 co TERMIGAL (Servicio Galego de Terminoloxía). De xeito que este colectivo de filólogos tivo que se procurar unha formación en dereito, noutras áreas de especialidade e en terminoloxía de xeito voluntarista, alén de coordinarse para difundir as súas propostas en torno a institucións como a Escola Galega de Administración Pública (editora do Manual de Linguaxe Administrativa ou do Boletín de Lingua e Administración) ou a asociacións profesionais privadas como a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística (que editou a Revista de Administración Galega ou a revista Lingua e Administración en colaboración co ILG entre os anos 1984 e 1987).
En resumo, a elaboración da terminoloxía xurídica e administrativa galega é producto dun grupo de profesionais da lingua, foi difundida por medio de diversas institucións públicas e privadas e está avalada máis polo uso ca polo criterio de autoridade dunha institución de investigación terminolóxica. Dados os problemas actuais na difusión e na harmonización da terminoloxía xurídica galega, así como a inseguridade xurídica que se deriva da situación, sentiuse a necesidade de abordar de xeito pluridisciplinar e homoxéneo a formalización e compilación do galego de uso xurídico, polo que se constituíu o equipo de investigación COM-FORMA.
2. A investigación de COM-FORMA
2.1. O equipo de investigación de COM-FORMA COM-FORMA é un equipo investigador que leva a cabo un proxecto de investigación encargado polo Consello da Avogacía Galega co que pretende contribuír a compilar e formalizar o galego de uso xurídico.
O equipo está integrado por catro lingüistas, especialistas en linguaxe xurídica e administrativa galega, exercentes en diversas institucións de Galicia e expertos en achegar solucións provisionais para as dúbidas e incertezas que supón o asentamento da lingua galega no ámbito do dereito; catro xuristas, especialistas en cada un dos grandes ámbitos do dereito (civil, penal, social e administrativo), profesionais de prestixio en Galicia, sensibles á carencia actual de ferramentas que favorezan o uso normal do galego na Administración; e dous informáticos. As dúas perspectivas técnicas abordan conxuntamente o labor de fixación e de divulgación da lingua do dereito galega, servíndose para isto das novas tecnoloxías (aplicacións informáticas deseñadas ad hoc).
2.2. A investigación sobre a lingua do dereito. FÓRMULA e LUX. O proxecto COM-FORMA subdivídese en dúas liñas de investigación interrelacionadas:
a) Proxecto FÓRMULA, que ten como obxectivo a elaboración dun formulario de procedemento xudicial básico e o asentamento de alicerces sólidos para formularios máis específicos con aplicación casuística. Como producto prevese a publicación en formato libro así como en formato electrónico.
b) Proxecto LUX, que ten como obxectivo a elaboración dun repertorio léxico e fraseolóxico galego-castelán e castelán-galego. O producto xerado publicarase en formato libro e será a base para a elaboración dun programa traductor, compatible con Windows. Ademais utilizarase o material para un futuro diccionario xurídico galego.
Estes dous obxectivos específicos englóbanse no obxectivo xeral, o asentamento das bases lingüísticas e estilísticas da linguaxe xurídica galega tanto na elaboración e selección terminolóxica coma nas fórmulas documentais e nas pautas de estilo de redacción. En resumo, procuramos a fixación do corpus, da xerarquía de conceptos e termos e, por último, a fixación do algoritmo de elección terminolóxica como abstracción do método de elaboración de terminoloxías a partir da análise empírica dos casos.
3. O proxecto LUX
3.1. Obxectivos O proxecto LUX pretende 1/ fixar o corpus terminolóxico do galego xurídico a través da elaboración dun Léxico de uso xurídico castelán-galego e galego-castelán. 2/ ofrecer unha ferramenta de divulgación adaptada ás novas tecnoloxías (soporte electrónico), adecuada e de utilidade para as persoas destinatarias. A adecuación e a utilidade veñen dadas por se tratar dunha aplicación informática pensada para o redactor do texto xurídico, que toma como base diversas fontes (xurisprudencia, doutrina e lexislación) e que utiliza as dúas linguas de traballo tanto na entrada como na saída.
3.2. Fases de traballo 1ª fase: Preparación do traballo terminolóxico e documentación, que ten por obxectivo a fixación do corpus de referencia inicial, para o que:
Seleccionamos e elaboramos as ferramentas informáticas para a fixación do corpus de referencia inicial. Para o levantamento terminolóxico dos textos escollemos o programa de concordancias WordSmith e ademais xeramos o programa Com-forma Ficha 1.0. para o arquivo e estudio terminolóxico.
Fixamos as fontes iniciais, coa selección e informatización de textos xurídicos casteláns (dada a subsidiaridade estatal) como fonte primaria para a extracción da terminoloxía xurídica. Na selección tivemos en conta as diferentes subvariedades lingüísticas do dereito que manexa un profesional da avogacía (lexislación, doutrina e xurisprudencia). Actualmente, temos fixado en 1.037.372 entradas o corpus documental. Este corpus castelán será confrontado co corpus resultante da escolma de todos os traballos terminolóxicos xurídicos que teñen o galego como lingua de referencia e que constan nunha base de datos que recolle 10.516 rexistros en forma de fichas lexicográficas na aplicación informática Ficha.
2ª fase: Fixación do corpus terminolóxico inicial.
A partir das listas xeradas polo programa de concordancias efectuamos a selección de termos xurídicos. Os criterios de seleccción son: escolmar termos xurídicos, termos da lingua común con algunha acepción xurídica documentada no corpus. O resultado confrontarémolo coa lista obtida do baleirado das obras lexicográficas e coas concordancias extraídas dos formularios elaborados polo equipo FÓRMULA.
3ªfase: Elaboración do traballo de investigación terminolóxica.
A partir do corpus establecido comezamos a elaborar as fichas almacenando os resultados nunha base de datos xerada co programa Ficha 1.0
4ªfase: Revisión do traballo terminolóxico .
Definirase o corpus terminolóxico final e as solucións definitivas dos termos propostos.
5ªfase: Redacción e producción do Léxico de uso xurídico cast.-gal. e gal.-cast.
3.3. Productos terminolóxicos previstos: programa Ficha e programa Lux A aplicación informática Com-forma Ficha 1.0 está baseada en Visual Basic 5 e constitúe unha ferramenta de extracción terminolóxica que traballa cunha base de datos estándar de Access para o favorecer o intercambio instantáneo de “fichas” ou bases de datos entre profesionais e institucións lingüísticas. O programa, así e todo, é autónomo e non precisa da aplicación de Microsoft para funcionar (véxase como documento anexo un rexistro desta aplicación informática).
A aplicación Com-forma Lux está aínda en fase de deseño e con ela preténdese xerar un convertedor bidireccional de terminoloxía a partir dunha base datos que poderá ser actualizable mediante conexión a internet do usuario.
4. O especialista en dereito en LUX
Tendo en conta que estamos a traballar sobre unha lingua minorizada, cunha escasa tradición, e que a nosa actuación ten como obxectivo último a implantación do galego xurídico na escrita, non podemos circunscribirnos ó traballo puramente terminolóxico facendo abstracción dos condicionamentos sociais para acadar ese obxectivo, pois en palabras de Cabré (1999:309) a propósito das relacións entre terminoloxía e planificación lingüística “hay que estimular subliminalmente los mecanismos psicosociales favorecedores del cambio” e un dos xeitos de estimulación é que o colectivo en cuestión se sinta integrado no proceso de cambio lingüístico. É polo tanto imprescindible adoptar unha perspectiva socioterminolóxica para procurar a adaptación total do producto ó medio ó que vai dirixido. En concreto, as informacións que nos interesan teñen que ver, seguindo a Gambier (1993:205), coa descrición de usos reais e as súas variacións que atinxen ó tempo, ó espacio e á sociedade, e o mellor informante nesta materia será sempre o especialista da área sobre a que se pretende actuar, que aquí imos tratar en tres facetas.
4.1. O perfil do especialista demandante dos productos terminolóxicos Neste caso o demandante é o Consello de Avogacía de Galicia (CAG), unha corporación de dereito público de recente creación que impulsa este proxecto de investigación como unha actuación que favorece a normalización lingüística na Xustiza e que se ve acompañado doutras medidas no sector, como a moi recente creación dun Servicio de Normalización Lingüística na entidade ou a introducción dun módulo de lingua xurídica galega no programa de formación da Escola de Práctica Xurídica nalgúns dos colexios de avogados de Galicia. O interese por asumir a normalización lingüística neste sector responde a unha aposta estratéxica da entidade para poñer en valor a súa existencia, alén do prestixio da promoción da lingua que ten a categoría xurídica de oficial e propia e da sinerxia creada co sector da Administración de Xustiza e da cidadanía galegofalante, ademais de sentírense integrados no proceso de implantación na medida en que unha representación do Consello participa activamente na investigación iniciada.
Neste sentido o CAG asume, pola súa iniciativa, a responsabilidade social e histórica de poñer os medios para que os axentes xurídicos usen o galego con plenas garantías no que se refire á terminoloxía xurídica e dispoñan das pautas de estilo que lle acaen a un uso formal propio do extenso ámbito das relacións xurídicas. E tamén por iso no noso proxecto hai dúas vertentes: a avogacía que demanda formularios da súa especialidade profesional porque a terminoloxía só lles é unha ferramenta de construcción do discurso para o foro xurídico, o documento, a comunicación... e aqueles usuarios globais do dereito, profesionais ou non, que necesitan ter garantida a calidade terminolóxica dos termos propostos como equivalencia en prol da seguridade xurídica.
4.2. O perfil do especialista como investigador O especialista investigador en LUX participa nas dúas vertentes do traballo socioterminolóxico: como fornecedor de datos técnicos sobre a noción e a denominación (Rondeau 1983:102) e tamén como fornecedor de informacións sobre o medio profesional.
Como técnico especialista na materia fornece interesantes informacións sobre a selección bibliográfica das fontes de extracción primaria, informa sobre a noción delimitándoa e clasificándoa, participa no establecemento de redes de nocións e de árbores conceptuais, así como na formulación da definición e na verificación da relación de univocidade. No que se refire á denominación participa na localización de variantes do termo, no estudio de casos de sinonimia, no estudio das equivalencias, na identificación de unidades terminolóxicas complexas, no establecemento de equivalencias dunha lingua a outra e na achega de contextos de uso dos termos, ademais de propor termos e estudiar outras propostas terminolóxicas.
Como integrante e membro do medio profesional proporciona información sobre o grao de aceptación dos neoloxismos, axuda a trazar o perfil do usuario e das súas necesidades, participa na selección do corpus de referencia e, entre outras cousas, avalía as condicións de recepción do producto terminolóxico xerado.
4.3. O perfil do destinatario dos productos terminolóxicos O proxecto LUX foi concibido polos seus directores a instancias da creación do Consello de Avogacía Galega, pois este revelábase como o medio máis doado de incidir nun colectivo profesional moi desgaleguizado e de difícil acceso como colectivo. A escasa presencia do galego na variedade xurídica escrita cremos, a priori, que se debía á falta de seguridade xurídica que lles inspiraba un modelo de lingua creado recentemente. Con todo, decidímonos a realizar unha pequena mostra para obter información, a través dunha enquisa na que expresaron a súa relación co galego e na que deixaron ó descuberto as súas carencias. Así pois, consideran que as razóns que obstan a súa disposición lingüística cara ó galego son: a falta de preparación técnica (interpretada como inseguridade do galego xurídico; concretamente demandan formación en cuestións de redacción, ortografía, oralidade, terminoloxía e técnicas de comunicación eficaz, por esta orde), a falta de ferramentas profesionais (textos legais, modelos de documentos: especialmente de dereito procesual, administrativo e de familia), a subordinación ó tribunal que é o que de feito establece a escolla da lingua, (a provisión dos postos administrativos e dos tribunais con persoal non capacitado para desenvolverse con normalidade en galego deriva na vulneración tácita habitual dos dereitos de cidadáns como avogados, peritos, testemuñas, interesados que se dirixen ou queiran dirixirse en galego), así como nos prexuízos lingüísticos dos clientes producto dunha sociedade diglósica.
Así pois, decidimos abordar os labores que estaban na nosa man como equipo investigador e promovemos a elaboración de ferramentas de utilidade que incidisen nas áreas nas que se sentían máis inseguros, alén de promover a realización de cursos de formación nas Escolas de Práctica Xurídica.
Como equipo investigador propuxémoslle ó Consello de Avogacía Galega a elaboración do formulario e mais do léxico que virán a amortecer a total ausencia de materiais de formación e de apoio e ó mesmo tempo, por estaren elaborados por un equipo multidisciplinar no que se integra o propio Consello así como outros operadores xurídicos, serán de fácil aceptación no medio especializado, é dicir, entre os usuarios para os que se creou.
5. Conclusións. A importancia do especialista na implantación da terminoloxía especializada
Para lograrmos o obxectivo de formalización e compilación do galego de uso xurídico revélase como imprescindible a figura do especialista tanto como técnico experto na materia e tamén como coñecedor do medio no que se pretende implantar o producto da investigación, pois se importante é o desenvolvemento da variedade xurídica e o cultivo da súa terminoloxía, máis o é a difusión destas innovacións, con vistas á implantación e á adquisición de novos ámbitos de expresión para o galego. En definitiva, polas características do noso empregador, o Consello de Avogacía de Galicia, e polas do proxecto, especialista é, como vimos, quen desencadea o traballo terminolóxico e onde finalmente desemboca o seu resultado; é asemade demandante e usuario do producto. Esta circularidade caracterizadora do papel que desempeña o especialista implica que o criterio de autoridade debe recaer principalmente sobre el. Por iso, e porque del depende o éxito das propostas terminolóxicas e, en definitiva, a galeguización da avogacía galega.
Bibliografía:
COVACS, A. (1979). «Bilinguisme officiel et double version des lois. Un pis-aller: la traduction. Une solution d´avenir: la corédaction». In: Meta , nº 24, vol. 1, pp. 103-108.
CABRÉ, T. (1999). «Importancia de la terminología en la fijación de la lengua: la planificación terminológica». In: La terminología: Representación e comunicación. Barcelona:IULA, pp.: 295-313.
FILGUEIRA VALVERDE, X. (1993).«O galego na documentación oficial». In: Historia da Administración Pública. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia., pp.: 345-351.
GAMBIER, Y. (1995). «Officialisation de termes: perspectives et enjeux socioterminologiques». In: Les actes du colloque sur la problématique de l´aménagement linguistique. Québec: OLF, pp.: 201-237.
MONTEAGUDO ROMERO, H. (1985): «Aspectos sociolingüísticos do uso do galego, castelán e latín na Idade Media». In: Revista de Administración Galega, nº 1, pp.:85-108.
RONDEAU, G. (1983). Introduction à la terminologie. Chicoutimi: Gäetan Morin.
[1] Sobre a realidade lingüística medieval en Galicia nestes ámbitos pódense consultar entre outros Monteagudo (1985) ou Filgueira (1993).
 [2] Data do derradeiro documento xurídico do período medieval escrito en lingua galega.
 [3] Sobre o particular pode consultarse Covacs (1979:87)
 |